BENEFICIOS DE UNIÓN FENOSA FRONTE A CAÍDA DA SUBMINISTRACIÓN ELÉCTRICA
Posteado en: Xeral
A treboada que o pasado fin de semana abourou por Galiza deixou ás claras as deficiencias en seguridade e subministración eléctrica das empresas operadores: Unión Fenosa e Begasa; que afectou a todo o territorio. Mais tamén se puido constatar que Galiza precisa dunha revisión completa da rede eléctrica, competencia que é da Xunta esixirlle ás eléctricas.Os datos de familias afectadas e o tempo que tardou en restabelecerse é realmente moi preocupante. A crónica é a seguinte:
Día 25: fálase de máis de 700.000 fogares afectados nalgún tramo do día e unhas 500.000 as 24 horas.
Día 26: A cifra descende aos 60.000 fogares, sendo o grupo maioritario os afectados polas liñas de baixa tensión (normalmente, o rural).
Día 27: Volve baixar aos 18.500 fogares afectados.
Día 28: Agora sitúase en 10.000 fogares.
Día 29: A cifra sitúase preto dos 6.000.
Día 30: Preto de 1.000 fogares continuaban sen electricidade.
O conselleiro do BNG/UPG, Fernando Blanco, anunciaba o día 26 que se solicitaría unha investigación para esclarecer o acontecido. Ao día seguinte, día 27, Unión Fenosa prometía recuperar ao 100% a subministración que logo se constatou como falso.
A CoGAVe (Confederación Galega de Asociación Veciñais) urxía unha resposta inmediata de Unión Fenosa, á cal responsabilizaba do non restabelecemento do subministro e a unha falta de previsión como de capacidade de actuación. Polas mesmas, as críticas recaían na Xunta por falta de control.
O escarnio de U-Fenosa está no balance económico do exercicio do ano pasado. Aumentou un 21,2% os beneficios que ascenderon a preto dos 1.200 millóns de euros. Con tal cantidade, non se comprenden as deficiencias na rede e a tardanza na súa recuperación. Que non se empregue o argumento da dispersión poboacional no rural como explicación á lentitude. Quen coñece a realidade de Galiza debe actuar conforme a ela e non conforme aos intereses económicos.
Mais esta situación tamén está nunha parte do cerne da problemática da crise: o desmantelamento do control público en sectores estratéxicos da economía. O sector enerxético, un sector fundamental polo cal a FPG decidiu centrar a súa campaña ás eleccións de marzo, iniciou a súa privatización en 1988, co goberno do PSOE de Felipe González, coa venda do 25% das accións de Endesa a partir da Oferta Pública de Venda (OPV). En 1992 as directivas europeas aproban o camiño para a liberalización do sector. En 1995 privatízase o 35% de Endesa, que antes de chegar ao 2000 xa fora completamente privatizada. Será o goberno de Aznar e do Partido Popular quen aprobe a Lei do sector eléctrico e a Lei do sector de hidrocarburos que se basea na liberalización total do sector enerxético. Pouco tempo despois farían o mesmo para as tarifas, pasando a ter o control pleno do sector as compañías enerxéticas privadas.
O panorama actual amosa un control da enerxía nun pequeno grupo de empresas enerxéticas: Endesa e Iberdrola para as eléctricas; Gas Natural para as gasistas e Repsol YPF, Campsa e BP para hidrocarburos (controlan o 70% do mercado en todas as súas fases). A xestión loxística e a explotación comercial está nas mans de cativos grupos que conforman oligarquías cun poderoso control na economía.
Na campaña que a FPG levou a cabo pola cuestión enerxética denunciabamos a pouca atención que se facía á rede eléctrica no rural. A proba daquela denuncia é a realidade das deficiencias no subministro e na rede. Por iso, volvemos a instar como medidas urxentes:
1. Atención prioritaria ao sistema eléctrico galego, cunha mellora no transporte tanto na alta como na baixa tensión. Defendemos que o Plan Enerxético de Galiza recoñeza a soberanía enerxética do pobo galego, polo cal solicitamos medidas para unha mellora no artellamento da rede eléctrica galega.
2. Aumento das medidas de seguridade das instalacións eléctricas e aprobación dun plano de acción nos casos de urxencia como os que aconteceron.
3. Sancionar economicamente ás empresas enerxéticas polos retrasos no restabelecemento da subministración así como o pago das perdas xeradas. Esiximos que se lle dea prioridade ás zonas do rural, as máis afectadas en tempo sen electricidade como en perdas económicas.
A Consellaría anunciou que abriría unha investigación polo acontecido. Estaremos atentos ás conclusións que se cheguen. Non recuamos nas nosas ideas e na nosa aposta polo control do sector enerxético a partir dunha economía de tipo mixto, cunha nova reorientación do rol do INEGA. A crise demostrou que o grupo privado non garante máis que o lucro propio.
Pola soberanía enerxética do pobo galego!
Volver a: BENEFICIOS DE UNIÓN FENOSA FRONTE A CAÍDA DA SUBMINISTRACIÓN ELÉCTRICA

Social Web