VALORACIÓN DA RESOLUCIÓN DO CONCURSO EÓLICO
Posteado en: Xeral
A Frente Popular Galega (FPG) quere facer públicas as súas consideracións tralo resultado do concurso eólico.
A nosa organización levou a cabo este ano unha campaña de denuncia do Decreto eólico por mor da filosofía empregada na súa elaboración e no seu contido no que respecta á xestión pública da enerxía eólica.
Cómpre lembrar de novo algunha das críticas que realizamos ante a vaga de autofelicitacións da Consellaría de Industria, de Vicepresidencia e do BNG/UPG así como medios xornalísticos e analistas que están na súa órbita. Non podemos esquecer o escurantismo con que se fixo o decreto sen contar cos colectivos ecoloxistas e sociais. Non houbo transparencia porque primeiro ERVA e logo a FPG solicitou por rexistro xeral a consulta do expediente de contratación de ELA Ingeniería sen termos aínda resposta dándonos ‘banais’ escusas propias dunha administración que oculta información. Lembremos que esta empresa fora contratada para axilizar os trámites para validar os proxectos. Parece que non foron moi eficaces no seu traballo cando houbo unha prórroga na adxudicación con problemas de tempo que agora tamén aproveita un PSOE na baza electoral para denunciar.
Denunciamos que non houbo un novo plan sectorial e as adxudicacións fanse sobre parques naturais seguindo o esquema do Partido Popular da era Manuel Fraga Iribarne. Que non nos vendan mentiras: o plan sectorial é do PP, o PP que o BNG criticou. Agora, pisando moqueta, xa vale. Para a FPG, non.
Denunciamos que non se argumentou por qué case 2500 MW a un único concurso, feito inaudito até agora. Iso non é transparencia. Se cadra a resposta está nas liñas aprobadas nas asembleas do BNG e da UPG defendendo o asentamento dunha burguesía autóctona facendo gala do concurso eólico como exemplo.
Denunciamos que non hai seguimento aos anteriores plans industriais aprobados na ominosa era Fraga. Que explicación se deu? Se eses plans non se levaron a cabo, están paralizados, como podemos crer que os novos plans presentados neste concurso serán realizados? Nós esiximos que agora o Parlamento galego esixa unha comisión de seguimento para o cumprimento dos plans industriais incluídos nos proxectos gañadores. Falamos de novo de transparencia e de hixiene política.
Denunciamos que non se promocionou a repotenciación de parques eólicos. Volvemos descoñecer as razóns. Neste punto apoiamos as denuncias feitas pola Federación Ecoloxista Galega no que atinxe á destrución do noso medio natural.
Denunciamos que Galiza non é importadora de enerxía eléctrica senón exportadora. Polo tanto tamén esiximos dende un inicio falar dun control de xestión pública do 51% cun ente público. Consideramos positivo que finalmente a Xunta de Galiza teña un control do case 15% da produción eólica que terá que repercutir forzosamente no erario público galego. Pero este logro que enche de babexa as palabras de Anxo Quintana, o títere da UPG, non pode ser totalmente aprobado pola FPG cando sabemos que o primeiro borrador do Decreto eólico de 2006 falaba do 30% e nós falamos do 51%. A actitude do BNG/UPG fronte o empresariado non foi de botar un pulso senón dobregarse. Isto imposibilita que a FPG poida aplaudir rotundamente o 14% final malia que fagamos un valoración positiva con críticas.
Denunciamos o carácter colonial sendo os nosos montes os produtores de enerxía que van para a metrópole. Solicitamos ao Parlamento que promova unha iniciativa para modificar a tarifa única de xeito que o pobo galego teña un beneficio real económico. Esiximos igualmente que se mellore a rede de baixa tensión do rural cos beneficios xerados tanto no 14% de xestión pública como nos impostos das empresas con sede fiscal en Galiza. Estaremos atentos aos casos de expropiacións forzosas do monte como arestora acontece na Terra Chá coas minas, tamén proxecto da Consellaría de Industria.
Denunciamos a actitude egoísta e desleixada daquelas comunidades de montes que alugan a súa propiedade por catro cadelos, descoidando e abandonando a defensa dos patrimonios histórico, natural e paisaxístico da nación. Unha lexislación superior debería limitar o uso e abuso da propiedade privada: esperamos da futura Lei de Montes que así se considere.
Valoración das empresas gañadoras
Os grandes beneficiados foron as bancas, Caixanova e Caixa Galicia, que son as caixas de crédito que habitualmente avalan economicamente as campañas do BNG/UPG e con quen manteñen unha débeda importante. Cómpre lembrar tamén as conversas que se deron entre o portavoz do BNG no Parlamento auspiciadas por Anxo Quintana con estes bancos para modificar a lei de caixas de aforro procurando a incorporación nas estruturas das caixas dos grupos parlamentares. Por certo, en Eólica Galenova tamén é accionista maioritario Banco Gallego, que ten como presidente ao señor que dirixe a fundación mixta de control privado Cidade da Cultura.
A este respecto, a proposta da FPG xa recollida nas BURGa é apostar pola creación dunha Entidade Financeira Galega semipública (defendemos un 51% de control público). Parece que agora ninguén se acorda de que foron as caixas de crédito parte importante da crise financeira mundial pois apostaron pola especulación.
Neste sentido a FPG quere promover a seguinte reflexión: sendo de control de Caixanova un 95% da produción que a FPG defende que fose do 49%, non é inxectar un evidente beneficio en termos económicos á banca privada? Cando o BNG/UPG criticou a inxección de diñeiro público por parte do PSOE a nivel estatal na banca privada no canto de crear unha banca pública, non está facendo un xogo semellante aínda que menos descarado? Con 51% de control deses proxectos a Xunta de Galiza podería promover unha banca pública galega.
Esiximos que exista un regulamento que evita calquera tipo de especulación no eido enerxético dentro das competencias que estabelece o Estatuto. Debe controlarse o mercadeo dos parques eólicos unha vez feitos e perseguir xudicialmente as posíbeis tentativas. De aí, como dixemos, a necesidade de crear comisións parlamentares de control e seguimento a cada proxecto.
Fóra disto, a FPG non entra a valorar a resolución dos proxectos caso por caso pois consideramos que se se axustan aos criterios de elección marcados no Decreto eólico non temos nada que dicir. A nosa crítica está, repetimos, na elaboración e contido do Decreto eólico. Agora ben, seguiremos atentos ao Consello da Xunta que ditaminará a resolución definitiva así como o desenvolvemento das empresas, a composición do seu accionariado e calquera posíbel modificiación do capital social das empresas radicadas en Galiza, pois casos como Eólica Galenova está xestionada por Alarde, con capital social en Madrid.
Na Terra, 28 de decembro de 2008
Comité Executivo da FPG.

Social Web