A Frente Popular Galega (FPG) critica a xestión pública do Decreto Eólico
Posteado en: Xeral
O Decreto 242/2007 do 13 de decembro do 2007 polo que se regula a enerxía eólica, publicado no DOG o 3 de xaneiro de 2008, contén unha concepción da xestión pública da enerxía eólica que a FPG decidiu denunciar durante o presente ano cunha campaña co lema “Produción enerxética, lucro colonial”. Achégase o día que se fará pública a adxudicación dos case 2.500 MW ós diferentes proxectos presentados polas empresas que optan. Neste momento é cando a nosa organización política decidiu recompilar as diferentes denuncias que fixemos públicas no blog da campaña.
A FPG vén de presentar por rexistro xeral (4 de decembro) unha solicitude para consultar o expediente de contratación da empresa ELA Ingeniería y Medioambiente. Agardamos a transparencia coa que se alagou o propio conselleiro e o seu partido, BNG/UPG, aínda que desconfiamos dela pois xa ERVA solicitou a consulta do mesmo expediente e só atoparon escusas e trabas. Mesmo lles solicitaron demostrar ser parte interesada cando se trata dun colectivo ecoloxista e o Decreto eólico ten impacto medioambiental.
A FPG quere denunciar publicamente o contido e a elaboración do Decreto eólico que vén salpicado dende o seu inicio de polémica, comezando pola demisión de quen fora Director do INEGA, crítico coas posturas defendidas polo conselleiro e o seu grupo máis achegado (destacando a cativa figura de Xoán Manuel Bazarra), que contou coa cesión beneplácita da participación pública nos proxectos logo da presión exercida pola patronal eólica.
Tamén denunciamos o uso político do Decreto así como a súa utilización para asegurar unhas ganancias a determinadas empresas que sosteñen proxectos do BNG, sexan estes empresariais ou xornalísticos.
A profesora de Dereito Administrativo da USC, Alba Nogueira, expresou publicamente que “o 70% dos parques eólicos galegos están en espazos naturais protexidos e que ningún dos parques naturais teñen un Plan Reitor de Uso e Xestión”.
A Federación Ecoloxista Galega solicitou a anulación e suspensión cautelar da orde do 6 de marzo de 2008, que determina a potencia máxima para tramitar en 2008-2012.
A Consellaría de Innovación e Industria a cargo do militante da UPG, Fernando Blanco, preferiu xuntarse e decidir as liñas esenciais do decreto co empresariado desprestixiando as alegacións de diferentes colectivos ecoloxistas e negándolles as reunións.
Descoñecemos as explicacións da Consellaría do que acabamos de dicir. A transparencia só existe cando a Consellaría quere ser transparente pero non cando o reclama a cidadanía e o movemento social.
A Frente Popular Galega pregunta como denuncia pública:
1. Por que se decidiu presentar a concurso case 2.500MW? A que responde esta cantidade cando nos anteriores períodos se presentaban ó ano unha potencia menor ós 1.000MW? Precisa Galiza desa produción? A que intereses responde? Ten capacidade a rede eléctrica para o transporte de tanta enerxía?
2. Por que se optou pola autorización no lugar da concesión para construír parques eólicos?
3. Por que se permite o mercadeo dos parques eólicos e da potencia que se lle adxudican ás empresas logo da construción do parque eólico? Por que non se aprobaron mecanismos que impedisen a especulación?
4. Por que non se modificou o Plan Sectorial para o novo Decreto?
5. Cantos dos supostos 3.000 postos de traballo que dará o Decreto éolico son fixos? Cantos deles estarán directamente relacionados coa produción éolica?
6. Por que non se fixo un seguimento e balance dos plans industriais anteriormente aprobados na era Fraga para coñecer o cumprimento das empresas? Por que se insiste na importancia dos plans industriais cando nin sequera se vixila os que supostamente xa tiñan que estar funcionando? E si se fixo, por que non se actúa cando se observa que non se cumpriron?
7. Por que non se fala de repotenciar os parques eólicos actuais en lugar de abrir novos parques copando todo o territorio?
Como se fosen os dous mandamentos destas críticas que dende a FPG presentamos, facemos as seguintes cuestións á marxe das anteriores: por que se optou pola non participación regulada da administración pública en cada proxecto eólico nunha porcentaxe mínima? Cantas das empresas presentadas teñen a súa sede fiscal en Galiza e cal será a repercusión en termos económicos directos da produción eólica?
A Frente Popular Galega acusa con dureza ó Conselleiro da UPG, Fernando Blanco, de covarde e vendepatrias ante a cesión descarada que fixo ós intereses da patronal eólica (EGA). O primeiro borrador do Decreto eólico de maio de 2006 recollía un 30% de participación pública, porcentaxe reducida ata se convertir nun inválido ‘mérito’ nos concursos como se os proxectos que optan non tivesen claro que empresas van saír seguras sen aceptar ese ‘mérito’, como as presentadas polos amigos de Anxo Quintana, Manuel Jove, Epifanio Campo e o promotor de industrias periodísticas fracasadas, Jacinto Rey, preocupado polas perdas económicas da súa construtora, San José.
A FPG xa o propuxo nun dos seus escritos: o mínimo é posuír un 51% de capital público en calquera proxecto eólico e a Xunta debería optar ós concursos cun ente propio que asegurase o control público. Indicamos o caso de ‘Eólicas de Euskadi’, empresa pública do Goberno vasco, do PNV. Pero si que fan empresas paralelas como a SEAGA para Medio Rural (BNG/UPG), ofertando postos de traballo ós compañeiros mentres os traballadores con anos de experiencia se manteñen no mesmo status laboral.
Facéndonos partícipes das novas propostas da esquerda, reclamamos unha política dirixida cara a soberanía enerxética, cara a nosa decisión enerxética. O propio Estatuto permítenos avanzar nesa dirección, canto menos ata que batamos contra o centralismo. Pero hai que facelo e bater contra iso para demostrar ó pobo galego a nosa condición colonial. O Estatuto permite regular a produción eólica ou a hidroeléctrica. Entón, preguntamos, por que se Galiza non é importadora de enerxía eléctrica senón exportadora, non se pon fin ás minicentrais hidroeléctricas con tanto parque eólico?
Aquí, neste punto, a FPG denuncia a condición colonial do Decreto do BNG/UPG. Galiza non precisa de enerxía eléctrica (somos excedentarios), co cal producimos para, no mellor dos casos, ter un beneficio económico pero resulta que segue existindo a tarifa única, as grandes empresas enerxéticas teñen a sede fiscal fóra de Galiza e non hai participación pública nos proxectos.
Por outra parte, parece lóxico que a produción enerxética se faga cerca daquelas comarcas que precisan dela e non a miles de quilómetros. Sabedes cales son os lugares que reclaman enerxía? As zonas de Madrid, Valencia e Barcelona. Coñecedes cantas empresas de produción enerxética existen nos seus arredores?
Os organismos internacionais defensores dun uso racional da enerxía defenden que a industria produtora de enerxía estea o máis próxima posible ós demandantes. Pero en vez de encher as serras de Madrid de eólicas (ou doutros tipos de fontes para a obtención de enerxía) xa teñen a Galiza.
Que preocupación ten a Consellaría polas localidades rurais das caídas de tensión, dos apagóns que se alongan durante horas (causando estragos para a actividade agrogandeira) ou da mellora da resposta enerxética ós mesmos?
Só un analfabeto ou un verdadeiro vendepatrias pode incrementar a condición colonial da nosa terra. A situación é máis grave cando os seus xestores principais (Fernando Blanco e Xoán Manuel Bazarra) son militantes “comunistas” da UPG e do BNG/UPG.
A Frente Popular Galega así o denuncia: produción enerxética, lucro colonial!
Volver a: A Frente Popular Galega (FPG) critica a xestión pública do Decreto Eólico

Social Web